Monday 06 de May de 2024

Aberto o período de información pública sobre a inclusión da sobreira de Vilariño no Catálogo galego de árbores senlleiras


O Concello da Pobra do Caramiñal, a través da Concellaría do Medio Ambiente, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), presentou no 4 de xuño ante o Servizo de Conservación da Biodiversidade a solicitude para incluír a sobreira de Vilariño no Catálogo galego de árbores senlleiras. Unha decisión motivada polo feito de que o municipio conta con árbores merecedoras da súa revalorización no patrimonio natural, atopándose entre elas a referida sobreira que destaca polas súas características de porte (cunha altura aproximada de 14 metros), idade (superior ós 100 anos) e vencellamento social e cultural coa veciñanza.

No Diario Oficial de Galicia (DOG) n° 150 do 6 de agosto de 2021 publicouse o Anuncio do 23 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se someten a información pública as solicitudes de inclusión de varias árbores no mencionado Catálogo, entre as que figura a sobreira de Vilariño. Así, durante 20 días hábiles dende o seguinte ao da publicación do anuncio no DOG permanece aberto o prazo de información pública coa finalidade de que todas aquelas persoas interesadas que se consideren directamente afectadas poidan remitir observacións e opinións por escrito ou a través do enderezo electrónico dxpn.cmatv@xunta.gal, poñendo no asunto «Información pública árbores senlleiras».

Cómpre sinalar que o procedemento de catalogación responde ao Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras (DOG n°74 do 17 de abril de 2007), que establece que as solicitudes de catalogación ou descatalogación de exemplares e formacións, e a documentación presentada xunto a elas, se someterán ao trámite de información pública durante un prazo de vinte días, para os efectos de que os interesados poidan presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.